viernes, 14 de octubre de 2011

A Xunta convoca a comisión de seguimento da seca para controlar as reservas de auga


Santiago, 10 de outubro de 2011.- A Xunta de Galicia vén de convocar a Comisión Autonómica de Seguimento da Seca, co obxectivo de facer un seguimento coordinado das reservas de auga na comunidade e desenvolver as actuacións que sexan necesarias para a mellor aplicación e distribución de recursos posible.

Da comisión, que se reunirá o vindeiro venres, forman parte representantes de Protección Civil, de Augas de Galicia, da Delegación do Goberno, da Fegamp, da Confederación Hidrográfica do Miño- Sil e das Consellerías de Presidencia; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; Medio Rural; Economía e Industria; e Sanidade.

A convocatoria da comisión está regulada dentro do plan ante situacións de seca e busca activar a coordinación de todas as Administracións implicadas no subministro de auga potable e garantira as súas condicións sanitarias. De todos xeitos, hai que deixar claro que nestes momentos non hai ningún sistema de abastecemento que acade ningún dos tres niveis de alerta que se recollen no plan.

O obxectivo último do plan é coordinar a todas as administracións ante situacións de seca e garantir unha subministración adecuada para o consumo mentres dura a seca, para o cal inclúe unha serie de actuacións e medidas de coordinación institucional.

Situación actual
Na actualidade, non hai ningún sistema regulado que acade niveis de alerta, aínda que os caudais dos ríos son baixos e o principal problema é que non se agardan precipitacións en toda a primeira quincena de outubro.

A situación dos encoros galegos, na situación actual, é a seguinte:

Eiras (Vigo), que está ao 49,1 %, conta con reserva ata o 20 de xaneiro (102 días).
Zamáns (Vigo, subministro a Nigrán e Baiona), que está ao 38,6 %, conta con reserva ata o 10 xaneiro (92 días).
Cecebre (A Coruña), que está ao 51,4 %, conta con reserva ata o 13 de febreiro (126 días).
Forcadas (Ferrol), que está ao 70,7 %, conta con reserva ata o 5 de abril (181 días).
A Baxe (Salnés), que está ao 62,5 %, ten o seu nivel estabilizado.

No hay comentarios: