viernes, 7 de agosto de 2015

Mitos: A auga ten moito cloro e sae branca.




En moitas ocasions escoitamos esta frase e hoxe adicamos uns minutos a explicar esta cor.
O cloro non cambia a cor da auga. Pensemos nunha piscina. Normalmente detectamos a presencia do “cloro” polo cheiro sen embargo a auga e transparente e deixa ver o fondo e as paredes de cor azul

O motivo da cor branca da auga e outro: as burbullas de osixeno.

Cando da nosa billa sae auga con cor branca temos unha solución rápida, deixamos pousar a auga nun vaso e nuns minutos a cor desaparecera para deixar paso a transparencia habitual.

Este cambio de cor vaise producindo dende o fondo do vasa cara a superficie da auga.




Pero non sempre  a auga sae branca ¿por que?

A auga de consumo extraemola dos mananciais, adoita estar moi fría e cunha gran cantidade de aire disolto. En certas épocas do ano, especialmente en primavera e verán, a auga é bombeada ata as tubaxes próximas á superficie, estas encóntranse nun ambiente máis cálido e a auga quéntase. Como polo interior das canalizacións a auga circula a presión, o aire en exceso non se libera ata que abrimos a billa. Ao abrir a billa, a presión baixa bruscamente, o aire sobrante libérase formando pequenas burbullas que se moven por todo o líquido e a auga vólvese branca.

Outro momento no que adoita formarse a auga leitosa ten lugar cando a traída ten que cortar a subministración para traballar nas tubaxes. Ao cortar o fluxo de auga, o aire entra libremente polos canos, despois, cando se restaura o servizo, unha parte do aire disólvese na auga ao ser arrastrado por ela. Unha vez máis, ao abrir a billa, a presión libérase e o aire forma burbullas que lle dan á auga un aspecto leitoso. Isto pode suceder en calquera momento e o efecto pode durar varios días, mesmo varias semanas.


Por último, outra causa de formación da auga branca é o circuíto de auga quente das nosas casas. Cando abrimos a billa da auga quente, estamos a liberar auga que gañou moita temperatura na caldeira e polo tanto está desexosa de soltar o aire disolto sobrante. Unha vez máis, ao abrir a billa a presión diminúe e a auga cárgase de burbullas. Isto é moi normal pero non o vemos porque as billas adoitan levar uns pequenos difusores na boca de saída que favorecen que o aire escape á atmosfera. Se quere ver auga branca, quite o difusor da billa, deixe que saia auga moi quente e encha un vaso.


No hay comentarios: