miércoles, 8 de agosto de 2012

Medio Ambiente habilita unha páxina web para aclarar e canalizar as dúbidas dos galegos sobre o canon da auga



Na web existe unha aplicación para calcular o importe do novo recibo da auga dos fogares coa contabilización do canon actual
Os tramos das tarifas do canon da auga varían en función do número de persoas por vivenda, sendo máis amplos para vivendas con máis persoas
Cómpre recordar que as familias con máis de 3 membros deben acreditar o número de persoas que viven na casa para aproveitarse dos beneficios do novo canon
A modo de exemplo, unha familia de 3 persoas que consuma 15 metros cúbicos nun mes pagará 4,16 euros/mes. Sen embargo, unha familia de 5 persoas pagará 2,90 euros, porque, consumiu moita menos auga por persoa

Santiago, 8 de agosto de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de habilitar unha páxina web na que se explica o contido e implantación do novo canon da auga. Este espazo na rede pretende despexar e explicar as dúbidas máis frecuentes dos cidadáns galegos sobre este imposto, así como aclarar calquera cuestión. O enderezo web desta páxina é: http://www.canondaauga.es/
Outra das aplicacións creadas para esta web é a calculadora do canon da auga, polo que cada cidadán ou empresario saberá o que ten que pagar na súa vivenda ou no seu negocio. Como xa se ten manifestado o canon da auga incorpora un sistema de tarificación por tramos de consumos, polo que se ten en conta o número de persoas no fogar. Así, para coñecer o importe do canon da auga que vai ter que pagar bastará con mirar na última factura os datos do volume de auga consumido (non o facturado, xa que no canon da auga non existen mínimos de facturación), o período de facturación do recibo (mensual, bimestral,...) e indicar o número de persoas que residen na vivenda.
A modo de exemplo, unha vivenda cun consumo medio de 24 m3, que implica una factura de 40,03 euros, o usuario pagará coa aplicación do canon da auga un importe de 41,37, é dicir 1,34 € de incremento, ou o que é o mesmo 67 céntimos máis ao mes. Tamén no caso dunha familia de 3 persoas que consuma 15 metros cúbicos nun mes pagará 4,26 euros/mes. Sen embargo, unha familia de 5 persoas, con ese mesmo consumo, pagará 2,90 euros, porque, consumiu moita menos auga por persoa. Ademais, a isto aplicaráselle, en caso de acreditalo, o desconto por familia numerosa, polo que finalmente a liquidación neste caso pasará a ser 1,45 euros.
O canon da auga, que entrou en vigor o 1 de xullo de 2012, será o mais barato de España, xunto co de Andalucía. Sen embargo, nesta comunidade ademais do canon da auga existe outro canon de mellora das infraestruturas das entidades locais, polo que a factura fiscal dos contribuíntes andaluces vai ser máis alta que en Galicia.
A nova estrutura tarifaria por tramos de consumo, establece medidas que primarán o aforro, de tal xeito que ata un 30% da poboación pagará menos que co actual canon de saneamento. Tamén se lle recoñece unha compoñente ambiental en tanto que incentiva as actuacións en materia de medioambiente das empresas, e reforza o principio de que “quen contamina mais, paga mais”. O diñeiro recadado será finalista e se destinará na súa totalidade a obras de saneamento e abastecemento nos concellos.
Esta estrutura caracterízase polo establecemento de bloques de consumo (expresados en metros cúbicos ao mes), de xeito que o que se consuma dentro do primeiro bloque grávase cun importe moi baixo, o que se consuma dentro do segundo, será mais alto, etc. O obxectivo destes tramos é premiar a aqueles cun consumo máis responsable, e que as tarifas máis altas sexan para aqueles que desperdicien a auga de acordo cos estándares de consumo doméstico. Estes bloques non son fixos, senón que varían en función do número de habitantes da vivenda, e loxicamente os bloques son maiores se hai máis persoas, permitindo que a máis metros cúbicos dos consumidos se lles apliquen os tramos máis baratos.
Así pois, aquelas persoas que antes do 1 de setembro acrediten o número de persoas por vivenda aplicaráselles este sistema dende o primeiro momento. A tramitación pode xa iniciarse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Tamén na páxina web que se vén de habilitar poden realizar esta tramitación.
As familias deben cumprir os seguintes requisitos: o número de habitantes para o que se pretende a modificación debe coincidir co número de persoas que están empadroadas en dita vivenda; o titular do contrato de subministro de auga debe ser un dos habitantes da vivenda de acordo co padrón de habitantes.
A necesidade de achegar documentación débese a que, por defecto, para aplicar o canon da auga considérase que en cada vivenda hai 3 persoas. A efectos de conseguir o cambio no número de persoas, o titular do contrato da auga terá que presentar a correspondente xustificación.
Familias numerosas
Cómpre recordar que recentemente Medio Ambiente trasladou que as familias numerosas deben presentar ante Augas de Galicia unha solicitude de acreditación do número de persoas que residen na vivenda, co fin de aplicar o canon da auga de maneira axustada ao número real de residentes. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutuas, Agustín Hernández, remitiu ao presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas, Luís Sánchez González, unha misiva na que se lle trasladaba a necesidade de formalizar este proceso.

O colectivo de familias numerosas contará cunhas condicións especiais. Xa no actual canon de saneamento existía unha bonificación do 50% no caso de acreditar a pertenza a este colectivo. Co canon da auga este compromiso mantense, e ademais introdúcese a oportunidade de considerar o número de habitantes por vivenda para aplicar unha maior equidade e xustiza, sobre a idea de que é lóxico que unha vivenda con 5 persoas consuma máis auga que unha de tres. 
 

No hay comentarios: