jueves, 31 de mayo de 2012

Feijóo salienta que o novo canon da auga, se converte “no segundo máis barato de España”, permite que o 30% dos galegos paguen menos pola auga que consumen e fomenta o “uso racional” deste recurso

 Fonte: Xunta de Galicia

“Será máis progresivo, máis equitativo e máis social”, remarca

Feijóo na rolda de prensa do ConselloTerá un “carácter finalista”, xa que o 100% da súa recadación irá destinado a políticas de auga, ben sexa de abastecemento, de saneamento ou explotación de depuradoras
Será “progresivo” porque a tarifa doméstica estruturarase en distintos treitos segundo o consumo real e terá en conta o número de persoas por vivenda
“Equitativo, porque todos os cidadáns pagarán o mesmo, independentemente de onde vivan”, sinala Feijóo
“Máis social” porque se aplicará o 50% de desconto ás familias numerosas; estarán exentas de pagalo aquelas que estean en situación de exclusión social ou en risco de estalo, así como as entidades sen ánimo de lucro que atendan estas situacións
Tamén estarán exentos do canon os titulares de pozos e traídas particulares e os usos da auga con fins agrogandeiros
No caso de usos non domésticos, o canon persegue que as entidades participen proporcionalmente ao seu impacto na mellora do ciclo da auga e na diminución da contaminación, incentivando as tarifas daquelas empresas que consigan depurar os vertidos antes de sometelos á rede xeral de saneamento

Feijóo na rolda de prensa do ConselloSantiago, 31 de maio de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que o novo canon da auga que aprobou hoxe o Goberno autonómico se converte no segundo máis barato de España, permite que o 30% dos galegos paguen menos pola auga que consumen e fomenta o uso racional deste recurso.
Así o explicou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, no que hoxe se aprobou o novo decreto de regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, tras incorporar “a práctica totalidade das observacións do Consello Consultivo”.
Feijóo incidiu en que este novo canon substituirá ao actual e se converterá “no segundo máis barato de España”, ademais, dixo, “de permitir que o 30% dos galegos paguen menos pola auga que consumen do que viñan pagando ata agora”.
Ademais, a nova fiscalidade autonómica da auga terá “un carácter finalista”, xa que o 100% da súa recadación irá destinado a políticas de auga, ben sexa de abastecemento, de saneamento ou explotación de depuradoras.
De igual xeito, segundo remarcou o presidente galego, permitirá establecer un sistema fiscal que incentivará o aforro da auga porque será “máis progresivo, máis equitativo e máis social”. Máis progresivo, argumentou, “porque a tarifa doméstica estrutúrase en distintos treitos segundo o consumo real e porque se terá en conta o número de persoas por vivenda”. Así, co novo canon, os usuarios pagarán só polo que realmente necesiten e consuman, eliminándose os mínimos que incentivan o consumo innecesario da auga e que moita xente pague máis do que realmente consume. Equitativo, proseguiu, “porque todos os cidadáns pagarán o mesmo, independentemente de onde vivan”, e “máis social” porque se aplican descontos. Deste xeito, aplicarase o 50% de desconto no canon ás familias numerosas; estarán exentas de pagalo aquelas familias en situación de exclusión social ou en risco de estalo, así como as entidades sen ánimo de lucro que atendan estas situacións. Ademais, tamén estarán exentos os titulares de pozos e traídas particulares. “Con esta medida, a Xunta quere recoñecer o esforzo dos propietarios que estiveron facendo as súas propias traídas”, asegurou Feijóo afirmando que “non ten neste momento sentido que paguen por un servizo que viñan prestando previamente”.
No caso de usos non domésticos, o canon da auga persegue un dobre obxectivo: que as entidades participen proporcionalmente ao seu impacto na mellora do ciclo da auga e na diminución da contaminación, incentivando as tarifas daquelas empresas que consigan depurar os vertidos antes de sometelos á rede xeral de saneamento.
Coeficiente de vertedura
No caso do coeficiente de vertedura Feijóo explicou que se trata “dunha taxa autonómica para tan só as depuradoras que son sostidas pola Xunta de Galicia, a explotación de estacións de depuración por parte da Xunta que ten que ser equivalente ao que xa pagan os concellos e os cidadáns dos concellos que lle pagan aos concellos por explotar as depuradoras”. Polo tanto, asegurou, “o que vén é a equilibrar en Galicia, xa sexan concellos, xa sexa Xunta de Galicia, que se pague o mesmo coeficiente de vertido; en consecuencia, é incompatible. Se se paga a un concello non se pagará á Xunta; á Xunta só se pagará no suposto de non pagarlle a un concello. A partir de aquí, a Xunta de Galicia poderase facer cargo das depuradoras que os concellos non queiran explotar”, incidiu.
En definitiva, concluíu o presidente da Xunta, “aprobamos un sistema que fomenta o uso racional da auga; aprobamos un sistema que nos sitúa como a segunda comunidade autónoma máis barata no que se refire ao canon da auga; suporá que o 30% da poboación galega pague menos do que viña pagando, o 50% de desconto nas familias numerosas e o 100% de gratuidade da auga das familias en risco de exclusión social; tamén a exclusión no canon da auga para a auga con fins agrogandeiros; e buscamos a maior protección do medio ambiente mantendo o principio de quen contamina máis paga”.

Publicar un comentario