jueves, 19 de abril de 2012

A XUNTA REÚNE Á COMISIÓN INTERDEPARTAMENTAL DE SEGUIMENTO DO PROTOCOLO DA SECA, E MANTÉN AS MEDIDAS PREVISTAS

 FONTE: http://www.cmati.xunta.es
Santiago, 12 de marzo de 2012.- A Xunta de Galicia determinou esta mañá manter a situación de alerta hidrolóxica para os embalses da bacía Galicia- Costa. Así o puxeron de manifesto esta mañá os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na primeira reunión de seguimento da Comisión Interdepartamental da Seca da Xunta de Galicia, na que tamén participou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Tal e como explicou o conselleiro de Presidencia, na comisión interdepartamental están presentes diversos departamentos da Xunta co obxectivo de deseñar e coordinar as medidas a tomar para facer fronte á seca.

Augas de Galicia informou de que se mantén a situación de alerta hidrolóxica para a bacía Costa- Galicia, pois a pesar dos episodios de choivas rexistrados ao longo deste mes, a situación actual do embalses da Xunta non acada os niveis de ocupación do pasado ano. O estado de ocupación dos encoros é a día de hoxe é do 51,52 %, é dicir 18 puntos por debaixo desta mesma data no ano 2011, na que o nivel era do 69,94 %.

Rueda aclarou que se ben as chuvias dos últimos días teñen contribuído a mellorar a situación, hai que manter a cautela; polo que é necesario manter as medidas postas en marcha.

Destacou a importancia de manter en todo momento a coordinación entre todos os departamentos da Xunta para afrontar o problema e explicou que, segundo evolucione a situación, poderíase proceder tamén á convocatoria dunha comisión máis ampla, prevista no Plan de Protección Civil, na que xa se integrarían outras administracións, como as Confederacións Hidrográficas do Miño- Sil, Douro e Cantábrico, así como a delegación do Goberno e a Fegamp.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que se ben o abastecemento de auga ás grandes poboacións galegas está garantido (o nivel dos encoros de abastecemento está na orde de magnitude do habitual para esta época do ano: 78,61 % fronte ao 81,42 % do ano pasado) o resultado das chuvias é moi distinto en función do lugar e do encoro de que se trate. Neste senso, apélase novamente á moderación na demanda de auga e uso responsable da mesma.

Grazas ao Plan da Seca pode determinarse que cada sistema fluvial estea nun grao de normalidade, prealerta, alerta ou emerxencia, e en función destes estados, as medidas a tomar e os mecanismos de coordinación e toma de decisións a establecer.

Situación dos embalses
Os datos recollidos por Augas de Galicia revelan que o nivel de ocupación medio dos encoros de abastecemento é do 78,61%. Na táboa indícanse a situación de cada un dos sistemas: (Consultar táboa en "Descargar Arquivo")

Medidas en aplicación
Cabe lembrar que o Consello Reitor de Augas de Galicia xa estableceu a pasada semana unha serie de medidas a aplicar para paliar e diminuír os posibles efectos da seca na Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, entre as que destaca o incremento da frecuencia, por parte de Meteogalicia e Augas de Galicia, da vixilancia e control dos indicadores de seca, elaborando un informe semanal sobre a evolución da mesma. O Goberno galego tamén realizará un aumento no control do dominio público hidráulico pola gardería fluvial de Augas de Galicia, de cara a minimizar as captacións ilegais e usos irresponsables de auga.

A Xunta tamén está a traballar nunha nova plataforma web, o Sistema de Identificación e Notificación de Adversos (SINA), que servirá como ferramenta de comunicación básica cos distintos axentes e administracións con competencias. Cada concello designará a unha persoa responsable con acceso á esta ferramenta a través da que se canalizará a notificación de todas cantas incidencias teñan relación coa seca, sempre recollidas polos municipios. Tamén se habilitará o acceso ao SINA aos distintos departamentos con competencias: Dirección Xeral de Emerxencias, Protección Civil ou Dirección Xeral de Conservación da Natureza co fin de notificar e ter coñecemento das distintas incidencias relacionadas cos efectos da seca hidrolóxica.
Sensibilizar
Dende a Xunta destácase a relevancia de informar e sensibilizar á poboación do estado de seca e a súa evolución de cara a fomentar as medidas de aforro na vida cotiá dos cidadáns. Por esa razón, acordou comunicar ás entidades locais da Demarcación Hidrográfica a conveniencia de adoitar as seguintes medidas, como a creación ou modificación de ordenanzas municipais de seca o aforro de subministro en usos e destinos non prioritarios (rego de xardíns, baldeo de rúas, enchido de piscinas...) ou o reforzo dos controis da auga captada para o abastecemento, dende o punto de vista da cantidade e da calidade. Detección de fugas e redución de perdas na rede, así como a optimización dos procesos.

Outras medidas que tamén se trasladarán son a redución da presión nocturna en redes urbanas ou aquelas que se consideren precisas para optimizar o uso da auga e o estudo da modificación da estrutura tarifaria, de cara a fomentar o menor consumo.

Autorizacións extraordinarias
En función da situación que se presente, Augas de Galicia autorizará o uso de reservas de auga estratéxicas: trasvases e transferencias, novos puntos de captación, explotación de novos acuíferos, reutilización de augas residuais ou mesmo aproveitamento de volumes de auga destinadas a usos hidroeléctricos ou de recheo de minas.

Para levar a cabo a acción citada anteriormente habilitarase un procedemento administrativo de urxencia para autorizar derivacións temporais de auga, nos puntos que en cada caso se consideren máis oportunos en función de cada situación. Cómpre ter en conta o uso a que vai destinado auga, o caudal ou volume máximo que se autoriza a detraer así como os condicionantes básicos técnicos do procedemento de captación.

Estas autorizacións outorgaranse en precario, e terán vixencia unicamente durante o episodio de seca, de forma que no momento que se declare a situación de normalidade, estes permisos expirarán. O sistema de solicitude das autorizacións será a través do SINA e a notificación das autorizacións farase electronicamente.

No hay comentarios: