viernes, 13 de abril de 2012

Medio Ambiente quere que os concellos graven o consumo elevado de auga


Fonte: http://www.lavozdegalicia.es

 A Xunta trasladará aos concellos a conveniencia de que modifiquen a actual tarifa única, que non diferencia entre os que consomen máis ou menos auga, por unha estrutura tarifaria por tramos

A idea é que os concellos trasladen a filosofía aplicada pola Xunta no novo canon da auga á factura que cobra aos cidadáns, de forma que paguen máis os que fan maior uso do recurso e menos os que o utilizan de forma racional. Con ese propósito, a Xunta trasladará aos concellos a conveniencia de que modifiquen a actual tarifa única, que non diferencia entre os que consomen máis ou menos auga, por unha estrutura tarifaria por tramos, que resultará máis gravosa para aqueles cidadáns cun emprego abusivo.

Así o anunciou onte o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, con motivo da reunión na que o comité reitor de Augas de Galicia analizou a posta en marcha das medidas deseñadas para facer fronte á situación de seca na conca Galicia Costa. Hernández sinalou que, ademais da proposta de modificar a estrutura tarifaria, a Xunta tamén recomendará aos concellos que impulsen ordenanzas municipais coas súas propias medidas para facer fronte ás consecuencias do período máis seco en Galicia desde 1930, entre marzo do 2011 e marzo pasado. Ademais, aconsellará a supresión de usos da auga que non consideren prioritarios. A Xunta, que descarta por agora as restricións nas áreas urbanas e localiza os problemas no ámbito rural, incrementará o control do dominio público hidráulico por parte da gardería fluvial de Augas de Galicia, co obxectivo de minimizar as captacións ilegais e os usos irresponsables do recurso.

No hay comentarios: