viernes, 14 de octubre de 2011

A xestión da auga en Galicia

  Fonte: A Voz de Galicia

Catedrático en Geoloxía

Autor: J. R. Vidal Romaní
Fecha de publicación: 11/10/2011
Aauga en Galicia vén do ceo coa chuvia. Despois, ou ben é levada cara o mar polos ríos ou fica acumulada temporalmente nos solos, sedimentos ou fisuras das rochas, que, en conxunto, é un almacenamento cativo que chega apenas para acabar o ano.
Calquera retraso nas chuvias, algo que acontece ao final do verán, implica problemas no abastecemento de auga para os habitantes de Galicia. Mais normalmente acaba por chover e esquecémonos do problema ata o seguinte ano. 

O da auga en Galicia é un problema simplemente de xestión. Unha das características da poboación en Galicia é a súa dispersión. Agás as grandes poboacións que aproximadamente abranguen a metade dos habitantes de Galicia, o resto viven espallados no medio rural, polo que o problema do subministro de auga non se resolve con traídas como as que fornecen de auga ás grandes cidades.
Pequenas vilas, casas ou lugares illados deben procurar pola súa conta a auga que normalmente vén de pequenos mananciais que, se non chove, esgótanse cara ao final do ano. O espallamento da poboación fai antieconómica unha traída para cada casa ou para cada lugar.
E as grandes cidades teñen o inconveniente de multiplicar o consumo en usos secundarios: limpar as rúas, regar os xardíns, fontes ornamentais, etcétera. Garantir que todos os galegos teñan auga ao longo do ano pasa por utilizar os ríos galegos primeiro para o subministro das poboacións e despois utilizar o resto para a produción de enerxía eléctrica.
No medio rural ou en poboacións sen ríos grandes, na súa proximidade a solución sería acumular a auga en alxibes durante a época de chuvias para complementar as necesidades con estas reservas a finais do verán. Deste xeito tan simple poderiamos garantir auga abonda para todo o ano en calquera vivenda de Galicia. E tamén esixir que cada vivenda individual ou conxunta (urbanización) construída teña garantido o subministro de auga, pero non enganchando sen máis á traída de auga como se fora inesgotable, o que non é certo.

No hay comentarios: