miércoles, 17 de agosto de 2011

A Xunta recorda que pequenos xestos responsables á hora de consumir auga permiten aforrar ata 400 litros ao día

Fonte: Xunta de Galicia

Pechar ben a billa ou reparar as fugas evitan perder unha media de 30 litros de auga cada día
Nas actividades diarias, como lavar os dentes ou ducharse no canto de bañarse, podemos chegar a aforrar ata 300 litros
Cada cidadán consume unha media de 360 litros de auga ao día
O encoro que conta con maior volume de auga almacenada é o de Portodemouros, no río Ulla, xa que almacena preto de 150,31 hectómetros cúbicos
Dende Augas de Galicia explícase que a pesar de que os encoros da bacía Galicia – Costa se atopan máis baixos que no ano pasado non estamos ante unha situación de alarma
 
Santiago, 17 de agosto de 2011.- Se cada un dos galegos introduce nas súas rutinas pequenos xestos responsables á hora de consumir auga, pódense aforrar ata 400 litros de auga ao día. Unha billa que gotea perde unha media de 30 litros de auga ao día, polo que asegurando pechar ben a billa e reparar as posibles fugas, evitan a perda deste recurso. Sempre é mellor ducharse que bañarse, unha ducha de 5 minutos precisa de 100 litros cun cabezal normal (50 cun aforrador equipado dun regulador de caudal), mentres que para un baño precisamos 250 litros.
Outra recomendación é lavar os dentes coa billa pechada, co que contribuiremos a aforrar 12 litros por minuto. En relación coas tarefas domésticas, poñer o lavalouzas e a lavadora cando estean cheos implican un aforro de 80 litros de auga. Tamén é recomendable que cando se fregan os pratos, non deixar a billa aberta: primeiro enxaboar e máis tarde aclarar con auga. Outra das recomendacións é evitar o uso do inodoro como unha papeleira, xa que deste xeito evitamos malgastar inutilmente 9-10 litros cada vez que se descarga, ou desconxelar os alimentos a temperatura ambiente, nunca debaixo da billa, podemos aforrar unha media de 15 litros. No momento de lavar o coche, non se aconsella empregar a mangueira, xa que se poden chegar a gastar 500 litros de auga fronte aos 50 de utilizar un caldeiro ou aos 35 de levalo a unha estación de servizo.
No que se refire ás actividades de rego, cómpre regar nas horas de menos calor, é dicir, a primeira hora da mañá ou ao atardecer. Non se aconsella regar os días de forte vento e débense seleccionar os sistemas de rego que máis se adapten aos obxectivos que se marquen: aspersión, goteo.
Estas medidas teñen como obxectivo o uso razoable da auga xa que, aínda que Galicia é unha comunidade onde chove con frecuencia, nos últimos anos o nivel de precipitacións rexistrado baixou considerablemente.
Actualmente, cada habitante consume unha media diaria de 363 litros ao día, polo que con este consumo increméntase a garantía de abastecemento á poboación se se seguen as pautas indicadas.

Capacidade de encoros
O encoro que conta con maior volume de auga almacenada é o de Portodemouros, no río Ulla, xa que almacena preto de 150,31 hectómetros cúbicos, aínda que só está ao 50,61% da súa capacidade total.
O conselleiro Agustín Hernández, na súa recente visita á ETAP de Nigrán, aclarou que a decisión adoptada polo seu departamento de autorizar o axuste do caudal destes dous encoros (de 300 litros/segundo a 150 no de Eiras e de 20l/s a 5 no de Zamáns) camiña na liña estudada por Augas de Galicia, polo que a Xunta pode afirmar que hai auga suficiente para pasar o verán, incluso se pode dicir que se incrementou o umbral.
Dende Augas de Galicia explícase que a pesar de que os encoros da bacía Galicia – Costa se atopan máis baixos que no ano pasado non estamos ante unha situación de alarma. A primavera deste ano foi unha das máis secas dos últimos 50 anos (foron meses extremadamente cálidos, con rexistros históricos de temperatura e escasos días de choivas), polo que a falta de chuvias inflúe directamente no caudal que alimenta as reservas dos encoros.

No hay comentarios: