domingo, 28 de agosto de 2011

Gran éxito da segunda edición “O CAMIÑO DAS FONTES“


      Deixovos a información recibida da Asociación.

Noraboa polo traballo feito e o exito obtido.

 ASOCIACIÓN CULTURAL E DEPORTIVA “ COTO DA CIVIDADE “
                                             TORTOREOS (AS NEVES)
                                  
 Este pasado domingo 21 de agosto celebrábase a segunda edición da festa “O Camiño das Fontes” na parroquia nevense de Tortoreos,  organizada pola asociación cultural e deportiva “Coto da Cividade”. Un gran número de camiñantes de todas as ideades gozaron dunha xornada lúdica, practicando a sanda actividade de camiñar.
A pesar da ameaza de treboada e da calor  abafante, ás  nove  da mañá xa eran moitos os concentrados na  “fonte da Mangarela”, no barrio do Campiño, punto de inicio para o camiño e lugar onde foi descuberta unha placa de pedra, conmemorativa  do “Camiño das Fontes”, realizada polo célebre escultor nevense Luis Pereira.
Amenizando todo o percorrido, o grupo de gaitas “Os Folieiros de Lavadores” de Vigo acompañou ás máis de 200 persoas que tomaron parte nesta segunda edición da festa e que, nesta ocasión, contou cun traxecto de preto de 8 quilómetros ao longo dos cales se atopa unha ducia das arredor de 20 fontes que existen na parroquia de Tortoreos, algunhas delas restauradas nos últimos anos. O citado grupo de gaitas, que xa compartira a experiencia do primeiro  ano, compuxo para esta segunda edición unha peza musical dedicada a auga das fontes da parroquia de Santiago de Tortoreos, o que foi todo un agasallo para todos os seus veciños.
Dende nen@s de menos de 3 anos, ata maiores de máis de 80, turistas franceses e alemáns, veciños de parroquias e concellos limítrofes, amantes da natureza  (algúns deles acompañados polos seus cans), así como xente acostumada en maior ou menor medida a dar longos paseos, apuntáronse a vivir esta experiencia na que, máis ca nunca, a auga das fontes da parroquia foi protagonista debido á calor, pois dela votaron man todos os camiñantes para sacia-la súa sede. Sen embargo, non foi a auga a única bebida que realizou esta función. Os veciños de moitas de estas fontes, ademais de adobialas orixinal e especialmente para esta ocasión, xa tiñan preparadas todo tipo de bebidas (refrescos, viño e, incluso, cava e sidras) e deliciosos petiscos (empanadas, embutidos, pasteis, froitas, tortillas e todo tipo de aperitivos) para que os participantes puidesen repoñer forzas e non desfalecer polo camiño.
O percorrido trazado para facer a camiñada de este ano, que discorreu entre a “Fonte da Mangarela”, “Fonte de Señores” , “Fonte de Vilanova”, “Fonte de San Raboa”, “Fonte de Entre Regueiros”, “Fonte do Rego”, “Fonte de Silvares”, “Fonte do Reguengo”, “Fonte da Chan”, “Pozo de Redondelo”, “Fonte da Venda” e “Fonte de Santa Mariña”, foi doado de andar para todos os participantes, por lugares sen case tráfico e practicamente chás. O feito de que se tardaran 5 horas en percorrer os case que 8 quilómetros do camiño da unha idea do tempo cos participantes dedicaron a “face-la festa” en cada fonte, comendo, bebendo e bailando e, por suposto, probando a auga de cada lugar, verdadeira protagonista da festa.
Sobre as dúas da tarde, os participantes no “Camiño da Fontes” chegaban ao área recreativa de Santa Mariña, onde se situaba a última das fontes e en cuxa carballeira se levou a cabo o xantar, amenizado por varios grupos folclóricos. Pola tarde, os xogos para nenos e maiores puxeron punto e final a unha xornada de festa que se prolongou ate preto das nove do serán.
Rematada a xornada, a entidade organizadora do “Camiño das Fontes”, a asociación  cultural e deportiva “Coto da Cividade”, non puido por menos que manifesta-la súa satisfacción polo ben que se desenvolvera a xornada, sen ningún incidente e o beneplácito dos participantes que, en moitos casos, manifestaron o seu desexo de tomar parte na próxima edición.
“Coto da Cividade” desexa agradecer publicamente as esmolas dadas pol@s veciñ@s para axudar nos gastos da organización de este evento que, na súa terceira edición, no vindeiro ano, contará cun novo percorrido para dar a coñecer as outras fontes que se atopan na parroquia e que ofrecen de balde ese imprescindible líquido elemento para a vida que é a auga.

No hay comentarios: