jueves, 26 de mayo de 2011

A Xunta e os sindicatos Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores selan un acordo para consensuar o regulamento de aplicación do canon da auga

 FONTE: xUNTA DE gALICIA
O regulamento especificará os mecanismos que permitirán a non liquidación do canon da auga pozos particulares e traídas veciñais
Os usos agrarios e gandeiros, que ata este momento si están suxeitos ao pago do canon de saneamento, quedarán exentos do pago do canon da auga
O regulamento tamén incidirá na non imposición de instalar contadores nas captacións propias de auga
O presidente de Augas de Galicia sinala que este novo tributo, recollido na Lei de Augas e que vén a substituír ao actual canon de saneamento, é universal, mellora a actual estrutura tarifara e discrimina positivamente ao rural
Francisco Menéndez manifesta que a Xunta de Galicia está aberta ao diálogo con todos aqueles que se dirixan a ela, como neste caso os sindicatos agrarios, que actúan en defensa dos seus asociados e da sustentabilidade do rural
  • Sinatura do acordo de colaboración
  • Sinatura do acordo de colaboración
Santiago, 27 de abril de 2011.- A Xunta de Galicia e os sindicatos agrarios estableceron as pautas para consensuar o regulamento de aplicación do canon da auga mediante a firma dun acordo entre Augas de Galicia e as entidades Xóvenes Agricultores – Asaja Galicia e Unións Agrarias-Upa, que se formalizou esta mañá.
O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, sinalou que o canon da auga, recollido na Lei de Augas e que vén a substituír ao actual canon de saneamento, é universal e mellora a actual estrutura tarifara e discrimina positivamente ao rural por dúas razóns básicas.
Por unha banda, recoñece o esforzo dos propietarios de pozos particulares e traídas veciñais que tiveron que autoxestionar o seu abastecemento, alí onde as administracións non puideron chegar. Por iso establécense os mecanismos que permitirán a non liquidación do canon da auga ás persoas que estean nesta situación. Ao mesmo tempo determina que non pagarán o canon da auga os usos agrarios e gandeiros, que ata este momento si están suxeitos ao pago do canon de saneamento.
Menéndez lamentou que, a pesar de que estas dúas ideas foron defendidas dende un principio, houbo certos sectores que alentaron desinformacións, aproveitando que moitos dos aspectos do novo canon están pendentes de desenvolvemento regulamentario.
O presidente de Augas, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, sinalou que o acordo entre a Xunta e os sindicatos agrarios nace ante a necesidade de dar respostas ao desenvolvemento dunha nova política da auga baseada no fomento do uso sostible do recurso, garantindo un uso básico por parte dos cidadáns, dos sectores públicos e das actividades empresariais, e establecendo unha política tarifaria que garanta as inversións presentes e futuras.
Ménendez Iglesias quixo aclarar que a intención da Xunta de Galicia é que os usos agrarios e gandeiros non paguen o canon. Nese senso, a Xunta considerou aceptable a solicitude realizada polos sindicatos de clarificar certos aspectos da Lei, co fin de que sexan incluídos nos regulamentos establecidos na Lei de Augas. Deste modo, no anteproxecto de regulamento do canon da auga establécese que:
- A contaminación especial definirase de tal xeito que a suxeición ao pago do tributo por parte dos usos gandeiros sexa excepcional. Deste xeito, as prácticas habituais non serán un suposto de feito da contaminación especial. Ademais, será a Administración a que deba demostrar que suposto concorre en cada caso, partindo todos os usos gandeiros dunha posición inicial de non suxeición ao pagamento.
- Para que un uso agrícola, forestal ou gandeiro veña suxeito ao canon da auga será preciso que Augas de Galicia demostre a existencia de contaminación especial mediante a concorrencia dos seguintes requisitos: o suxeito debeu ser sancionado en máis de unha ocasción por unha infracción de vertidos nos dous anos anteriores e un informe da consellería competente do incumprimento do disposto no Código Galego de Boas Prácticas Agrarias.
- O regulamento incidirá na non imposición de instalar contadores nas captacións propias de auga segundo a normativa galega, na liña do xa establecido na propia lei.
No texto asinado esta mañá tamén se indica que naqueles casos de captacións propias nos que convivan usos domésticos e usos gandeiros/agrícolas se descontará da base impoñible suxeita o correspondente a estes últimos usos.
Cobros antieconómicos
Tamén se determinarán os requisitos para que nas comunidades de usuarios teñan o mesmo tratamento para a determinación do canon da auga que os usuarios domésticos con captacións propias. Así, nestes casos aplicarase a estimación obxectiva, en base a dotacións de auga e, unicamente nos casos que así o soliciten e dispoñan de contador, por estimación directa en base ao volume real consumido. Isto, combinado coa bonificación do 90% prevista na Lei e coa disposición que permite declarar antieconómico o cobro por baixo dun certo umbral, deixa claro que a Xunta de Galicia non obrigará ao pagamento do canon da auga nestes casos.
Menéndez sinalou que establecer este acordo foi moi sinxelo, porque é coherente con todas as manifestacións transmitidas ata o momento e coas intencións dos asinantes. “Mesmo aqueles que declaraban escuras intencións da Xunta de Galicia coa aplicación do canon da auga non poden argumentar que se aplica deste modo pola súa presión, posto que xa era unha idea inicial do Goberno”, declarou. Manifestou que a Xunta de Galicia está aberta ao diálogo con todos aqueles que se dirixan a ela, como neste caso os sindicatos agrarios, que actuaban en defensa dos seus asociados e da sustentabilidade do rural.
O presidente de Augas reiterou que a nova Lei de Augas, que entrou en vigor o pasado 18 de decembro, dá cumprimento á Directiva Marco da auga (DMA), o que significa un cambio de modelo de xestión da Administración hidráulica galega, que establece tres liñas estratéxicas principais: a ambiental: conseguir o bo estado ecolóxico das augas no ano 2015 atendendo a un uso sustentable e racional da auga; a económica: aplicar o principio de recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga e do principio de austeridade na Administración hidráulica; e a social, que buscará garantir a participación do público en xeral na xestión dos recursos hídricos.

No hay comentarios: