jueves, 26 de mayo de 2011

A Xunta e a asociación que representa ás traídas veciñais selan un acordo para consensuar o regulamento de aplicación do canon da auga

Trátase do segundo acordo desta natureza, na mesma liña co que a semana pasada se asinara con sindicatos agrarios interesados, e está enmarcada dentro do diálogo permanente da Xunta con todos aqueles que actúan en defensa dos seus asociados e da sustentabilidade do rural
O regulamento permitirá a non liquidación do canon da auga pozos particulares e traídas veciñais; e os usos agrarios e gandeiros, que ata agora si están suxeitos ao pago do canon de saneamento, quedarán exentos do pago do canon da auga
Voluntariamente, as comunidades de usuarios poderán ser consideradas entidades subministradoras e pagar o canon, que se reinvirtirá nelas mesmas cun mínimo garantido pola Xunta
Inaugúrase unha nova etapa de diálogo e colaboración entre as comunidades de usuarios e a administración hidráulica
O presidente de Augas de Galicia sinala que este novo tributo, recollido na Lei de Augas e que vén a substituír ao actual canon de saneamento, é universal, mellora a actual estrutura tarifara e discrimina positivamente ao rural
Vídeo coas declaracións do presidente de Augas de Galicia
  • O presidente de Augas de Galicia, na sinatura do convenio
    O presidente de Augas de Galicia, na sinatura do convenio
  • O presidente de Augas de Galicia, na sinatura do convenio
    O presidente de Augas de Galicia, na sinatura do convenio
Santiago, 4 de maio de 2011.- A Xunta de Galicia e a Asociación de Comunidades de usuarios da provincia de Pontevedra Coxapo, que representa a usuarios de traídas veciñais, estableceron as pautas para consensuar o regulamento de aplicación do canon da auga mediante a firma dun acordo entre Augas de Galicia e esta entidade, que se formalizou esta mañá. Trátase do segundo acordo desta natureza, na mesma liña do que a semana pasada se asinara con sindicatos agrarios. Este acordo está enmarcado dentro do diálogo permanente da Xunta con todos aqueles que actúen en defensa dos seus asociados e da sustentabilidade do rural.
O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, sinalou que o canon da auga, recollido na Lei de Augas e que vén a substituír ao actual canon de saneamento, é universal e mellora a actual estrutura tarifara e discrimina positivamente ao rural por dúas razóns básicas.
En primeiro lugar, a propia Lei de Augas se recoñece o esforzo dos propietarios de pozos particulares e traídas veciñais que tiveron que autoxestionar o seu abastecemento, alí onde as administracións non puideron chegar. Por iso establécense os mecanismos que permitirán a non liquidación do canon da auga ás persoas que estean nesta situación. En segundo lugar, determina que non pagarán o canon da auga os usos agrarios e gandeiros, que ata este momento si están suxeitos ao pago do canon de saneamento.
O presidente de Augas, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, sinalou que o acordo entre a Xunta e as comunidades de usuarios nace ante a necesidade de dar respostas ao desenvolvemento dunha nova política da auga baseada no fomento do uso sostible do recurso, garantindo un uso básico por parte dos cidadáns, dos sectores públicos e das actividades empresariais, e establecendo unha política tarifaria que garanta as inversións presentes e futuras.
A Asociación de Comunidades de Usuarios Coxapo é un interlocutor válido e necesario, xa dende a elaboración da Lei de Augas, importante para a concreción dos aspectos sobre a súa implantación relacionados co seu ámbito e existe a vontade por parte da Xunta de Galicia de fomentar un diálogo entre administracións da auga e administrados que permitirá acadar os obxectivos ambientais e de prestación de servizos que todos comparten. Polo tanto, esta entidade facilitará aos seus asociados asesoramento nestes procedementos administrativos.
Acordos
O presidente de Augas insistiu en que a pretensión da Xunta é que o pagamento do canon non sexa obrigado para as comunidades de usuarios (CCUU), e o que se recade sexa revertido nas propias CCUU. Así, fomentarase a participación destas entidades co establecemento dunha orde de axudas para a reversión do recadado que conte cunha dotación mínima, e á que poidan concorrer só ás comunidades de usuarios debidamente legalizadas que autoliquiden o canon da auga.
Menéndez manifestou que este modelo de xestión terá as seguintes vantaxes:
-Fomentar a solidaridade, no sentido de que unha pequena achega de cada comuneiro das CCUU permitiralles optar a axudas por investimentos que revertan nas melloras das Comunidades.
-Concienciar aos asociados nas comunidade de usuarios da súa participación no ciclo integral da auga como usuarios da mesma.
Para o desenvolvemento destas previsións contarase coa participación das organizacións máis representativas das comunidades de usuarios e así, a COXAPO comprométese a fomentar a representatividade das comunidades de usuarios legalmente rexistradas de todo o territorio galego
Usos agrarios
Recordou que se trata do segundo acordo desta natureza, despois de que a semana pasada se asinara cos sindicatos agrarios interesados, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, e está enmarcada dentro do diálogo permanente da Xunta con todos aqueles que actúan en defensa dos seus asociados e da sustentabilidade do rural
Nesta sinatura cos sindicatos agrarios, Ménendez Iglesias reiterou que a intención da Xunta de Galicia é que os usos agrarios e gandeiros non paguen o canon. Nese senso, a Xunta considerou aceptable a solicitude realizada polos sindicatos de clarificar certos aspectos da Lei como a definición de contaminación especial, os supostos para o seu pagamento, ou a non imposición de instalar contadores nas captacións propias de auga segundo a normativa galega, na liña do xa establecido na propia lei.
Cobros antieconómicos
Tamén se determinarán os requisitos para que as comunidades de usuarios teñan o mesmo tratamento para a determinación do canon da auga que os usuarios domésticos con captacións propias. Así, nestes casos aplicarase a estimación obxectiva, en base a dotacións de auga e, unicamente nos casos que así o soliciten e dispoñan de contador, por estimación directa en base ao volume real consumido. Isto, combinado coa bonificación do 90% prevista na Lei e coa disposición que permite declarar antieconómico o cobro por baixo dun certo umbral, deixa claro que a Xunta de Galicia non obrigará ao pagamento do canon da auga nestes casos.
O presidente de Augas reiterou que a nova Lei de Augas, que entrou en vigor o pasado 18 de decembro, dá cumprimento á Directiva Marco da auga (DMA), o que significa un cambio de modelo de xestión da Administración hidráulica galega, que establece tres liñas estratéxicas principais: a ambiental: conseguir o bo estado ecolóxico das augas no ano 2015 atendendo a un uso sustentable e racional da auga; a económica: aplicar o principio de recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga e do principio de austeridade na Administración hidráulica; e a social, que buscará garantir a participación do público en xeral na xestión dos recursos hídricos.

No hay comentarios: