::::La Xunta confirma a aparición dun brote de nemátodo do piñeiro no concello das Neves e puxo en corentena un radio de 20 quilómetros, no que queda prohibido talar e/ou transportar madeira de especies sensibles a esta praga:::::
O Bursaphelenchus xylophilus, máis coñecido como nemátodo da madeira de piñeiro, é un verme microscópico que provén de América do Norte e que se localizou por primeira vez en Portugal en 1999.

A zona de erradicación da praga ronda as 700 hectáreas, das que menos da metade son arboredos. Na zona demarcada de 20 quilómetros están incluídos os concellos de Salvaterra, Mos, Ponteareas, Arbo, A Cañiza, Mondariz-Balneario, Mondariz, Salceda de Caselas, O Porriño, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Tui, Melón e Vigo.
Para poder rematar co praga deste verme xilófago, a consellería de Medio ambiente advirte de que haberá que talar árbores, tratar os tocóns e rexenerar a pendente. Ademais tomaranse mostras das árbores taladas e farase un seguimento posterior das especies sensibles. Segundo informa a Xunta, xa foi identificada a maior parte dos propietarios dos terreos afectados, que recibirán unha compensación económica.
A organización ecoloxista do Condado, Adenco, chama aos Concellos da Comarca e á Administración autonómica a loitar activamente contra esta praga botando man da colaboración da cidadanía, informando das medidas a tomar e convocando aos sectores afectados ás reunións informativas que sexan precisas.

Fonte: A Peneira do Condado