martes, 5 de octubre de 2010

Nota Prensa "Asociación Coto da Cividade"


ASOCIACIÓN CULTURAL E DEPORTIVA “ COTO DA CIVIDADE “
                                             TORTOREOS (AS NEVES)

                                             Comunicado

   Gran éxito da primeira edición “O CAMIÑO DAS FONTES“
  
Unhas 200 persoas participaron este pasado domingo 5 de setembro na primeira edición da festa “O Camiño das Fontes”, celebrada na parroquia nevense de Tortoreos e organizada pola asociación cultural e deportiva “Coto da Cividade”. Dende rapaces pequenos de menos de 2 anos, ata maiores de máis de 80, todos gozaron dunha xornada lúdica, practicando a sanda actividade de camiñar.
Como estaba previsto e cunha climatoloxía idónea para facer este tipo de camiñadas, ás nove e media da mañá xa eran moitos os concentrados na  “Fonte Sanraboa”, no barrio do Rabelo, punto de inicio para o camiño que levaría ós veciñ@s  de Tortoreos e os foráneos participantes a percorrer os preto de seis quilómetros establecidos pola organización e en cuxo traxecto se poden atopar nove das arredor de vinte fontes da parroquia, algunha delas restauradas nos últimos anos.
Despois dun primeiro ágape ofrecido pola organización na propia fonte, amenizado polo grupo de gaitas “Os Folieiros de Lavadores” de Vigo que acompañou en todo o camiño, e que serviu tamén para esperar polos máis rezagados, a comitiva composta por unhas 200 persoas foi camiñando de fonte en fonte, facendo paradas en cada unha delas, para gozar dos pinchos e bebidas ofrecidos pol@s veciñ@s de cada lugar. Precisamente, nesta  primeira edición, a organización destaca o esmero posto pol@s veciñ@s, non só no ofrecemento destes aperitivos, senón tamén na orixinal ornamentación de cada fonte que, nesta xornada especial, luciron más ca nunca.
O camiño comprendido entre as fontes de “Sanraboa”, “Entre Regueiros” , “Rego”, “Silvares”, “Reguengo”, “Chan”, “Pozo de Redondelo”, “Fonte da Venda” e “Santa Mariña” foi o elixido para esta exitosa primeira edición do “Camiño das Fontes”. O feito de que se tardaran catro horas en percorrer os case que seis quilómetros do camiño da unha idea do tempo cos participantes dedicaron a “face-la festa” en cada fonte, comendo, bebendo e bailando e, por suposto, probando o auga de cada lugar, verdadeira protagonista da festa.
Á unha e media do mediodía, os participantes no “Camiño da Fontes” chegaban ó área recreativa de Santa Mariña, onde se situaba a última das fontes e en cuxa carballeira se levou a cabo o xantar, amenizado polo grupo de pandeireiras e gaiteiros “Saia de La” da parroquia de Vide (As Neves) e o Dj Pana. Pola tarde, os xogos para nenos e maiores puxeron punto e final a unha xornada de festa que se prolongou ate preto das nove da serán.
Rematada a xornada, a entidade organizadora do “Camiño das Fontes”, a asociación  cultural e deportiva “Coto da Cividade”, non puido por menos que manifesta-la súa satisfacción polo ben que se desenvolvera a xornada, sen ningún incidente e o beneplácito dos participantes que, en moitos casos, manifestaron o seu desexo de tomar parte na próxima edición.
“Coto da Cividade” desexa agradecer publicamente as esmolas dadas pol@s veciñ@s para axudar nos gastos da organización de este evento, no que tamén  se contou coa colaboración da agrupación “Saia de La” de Vide, a Comunidade de Usuarios de Augas Tortoreos-Liñares, as adegas “Abadía de Tortoreos” e “Coto Redondo de Rubiós”,  o Concello das Neves, o “Txiringuito de Santa Mariña” de Tortoreos  e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos.
Dado o éxito desta primeira edición de “O Camiño das Fontes”, a asociación organizadora non dubida en levar adiante o seu proxecto de celebrar esta festa todos os anos, no primeiro domingo de setembro, cambiando o percorrido cada ano para así chegar a visitar e gozar do auga de todas e cada unha das fontes con que conta a parroquia de Tortoreos.


                                                            Tortoreos, a  6  de Setembro de 2010


                                                            O Secretario

                                                   J. Antonio Troncoso Oliveira

No hay comentarios: