|
Pola contra, o texto publicado o 22 de xuño
contempla o cobro polo uso ou consumo da auga da choiva e do mar e
permite cobrarlle ás explotacións agrarias, o que confirma o engano
continuado do Partido Popular a quen lle pediu o voto para chegar a
Xunta de Galicia...que ahora se consideran estafados..
|
|
O
pasado venres, 22 de xuño, publicouse o Decreto 136/2012, polo que se
aprobou o regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a
sistemas públicos de depuración de augas residuais1. Aínda que o propio
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou no seu día que
estarán exentos os titulares de pozos e traídas particulares e a
exclusión no canon da auga para a auga con fins agrogandeiros, unha
análise polo miúdo do decreto demostra que a Xunta e o seu presidente
mentiron de novo nesta cuestión.
Nas exencións e non suxeicións que contempla a norma non figuran as
captacións particulares como exentas, e boa parte do resto de
disposicións que establece, están encamiñadas a articular os mecanismos
de cobro ás captacións particulares. Neste sentido, a disposición
adicional terceira do decreto que aproba o regulamento, obriga a
titulares de pozos e traídas particulares, así como de quen faga un uso
directo da auga da choiva ou do mar, a que presenten, nun prazo de tres
meses dende a entrada en vigor do decreto o 1 de xullo, os datos sobre
as instalacións de abastecemento e o uso a que están destinadas, para
declarar o seu consumo a Augas de Galicia de cara a que esta lles cobre o
canon2.
Outro engano é o de non cobrarlle o canon da auga ás explotacións
agrogandeiras. Cobraráselles a todas aquelas cuxa actividade sexa
contaminante para as augas, xa que terán que pagar o canon aquelas
explotacións que sexan sancionadas en materia de verteduras de augas
residuais, así como as que incumpran o Código Galego de Boas Prácticas
Agrarias se así o determina a Consellería do Medio Rural nun informe.
Tamén pagarán aquelas que utilicen instalacións de saneamento públicas
en concepto de coeficiente de vertedura.
Máis elementos que apuntan ao carácter eminentemente recadador e
lucrativo do canon, en beneficio da entidade público-empresarial Augas
de Galicia, son:
Cobro estimativo: o cobro do canon da auga partirá da base de que en
cada fogar residen tres persoas, de maneira que haberá que demostrar o
contrario onde viva menos xente e se queira pagar menos. É de prever que
a falla de información sobre este particular propicie que moi poucos
fogares con menos de tres membros fagan este trámite.
O 50% de desconto no canon ás familias numerosas e a exención as que
estean en situación de exclusión social ou en risco de estalo, dependerá
de que as familias afectadas tramiten administrativamente estes
beneficios. De novo, a falla e información e a complexidade do proceso
van facer que sexan moi poucas familias as que o fagan.
O establecemento deste canon obrigará a pagar a tódalas persoas de
Galiza por consumir auga e obrigará, a maiores, no ámbito rural onde
existen captacións propias, a facer unha autoliquidación do canon cada
catro meses, o que implicará máis gastos e trámites burocráticos para as
persoas que viven no campo.
O Sindicato Labrego Galego xa amosou a súa máis frontal oposición á Lei
de Augas e ao canon, por entender que privatizan e mercantilizan un
dereito humano, o do acceso á auga, que debe ser universal e gratuíto.
Sen ir máis lonxe, o pasado sábado, 23 de xuño, o SLG presentou 400
sinaturas en Rois (A Coruña), contra o cobro de case 500 euros en
concepto de canon a unha traída veciñal neste municipio que foi
construída e financiada integramente pola veciñanza en 19683.
Por todo o devandito, o SLG seguirá a pedir a derrogación da Lei de
Aguas de Galicia, e continuará coa súa campaña de denuncia e de
recollida de sinaturas en toda Galiza e, en especial, alí onde se cobre o
canon.
Nota: 1http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120622/AnuncioCA02-120612-0002_gl.html
2"Disposición adicional terceira. Declaración inicial de suxeitos
pasivos con captacións propias de auga 1. Os suxeitos pasivos que no
momento da entrada en vigor deste decreto usen ou consuman auga
procedente de captacións propias, superficiais ou subterráneas,
incluídos os consumos ou usos de augas pluviais e mariñas que efectúen
directamente os usuarios, agás no caso dos usos domésticos que non
dispoñan de aparellos de medida, deberán presentar no prazo de tres
meses desde a súa entrada en vigor a declaración a que fai referencia o
artigo 54 do Regulamento do canon de auga e do coeficiente de vertedura a
sistemas públicos de depuración de augas residuais."
3http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=17&i=760 / http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=17&i=816
|
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario