Fonte: http://www.planestratexico.gal
• Santiago acolleu hoxe o terceiro e último foro de debate que se leva a cabo no marco da elaboración do Plan
• O conselleiro de
Facenda, Valeriano Martínez, lembrou que é preciso aproveitar e fortalecer as
potencialidades de Galicia para acadar un crecemento san
• A titular de Medio
Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalou o amplo proceso
de participación pública da nova Lei do Solo como exemplo da aposta da Xunta
por definir o modelo de desenvolvemento sustentable coa máxima implicación
social posible
• O Goberno galego
deu inicio o pasado mes de xullo ao proceso de participación da sociedade civil
na elaboración do Plan Estratéxico 2015-2020
Santiago, 28 de setembro de 2015.- Representantes de
entidades e colectivos sociais, expertos en diversos eidos do mundo da empresa,
da innovación e da universidade achegaron hoxe as súas prioridades sobre
ordenación do territorio, crecemento sostible, turismo, o agro e a pesca través
dun foro de debate, que ten por obxectivo enriquecer o Plan Estratéxico de
Galicia 2015-2020. Este é o terceiro e último foro destas características que
se leva a cabo no marco da elaboración do Plan.
O foro de debate foi inaugurado esta mañá na Escola Galega
de Administración Pública (EGAP) polo conselleiro de Facenda, Valeriano
Martínez, e pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,
Ethel Vázquez. Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda, Valeriano
Martínez subliñou que "Galicia conta cun amplo abano de
potencialidades" tanto no eido da ordenación do territorio e do crecemento
sostible, do turismo e no sector primario que "debemos aproveitar e
fortalecer para acadar ese crecemento san ao que aspiramos neste momento de
recuperación económica".
Neste sentido, resaltou a importancia de potenciar o
turismo para o futuro de Galicia "tendo en conta que contamos cun medio
ambiente e cunha cultura privilexiados". Para logralo avogou pola
innovación e a competitividade; polo deseño dunha oferta turística singular; e
pola implantación do conxunto da cidadanía no obxectivo da captación de
visitantes.
En canto ao sector primario sinalou que presenta
importantes retos de futuro para asimilarse aos produtores atlánticos punteiros
como son a reordenación das estruturas para acadar explotacións máis
competitivas; incentivar a mobilidade das terras ou aproveitar o potencial do
sector agrícola como base da produción alimentaria de calidade. E sobre o
sector pesqueiro, afondou na idea de continuar mellorando as canles de
comercialización e valorización do produto da industria extractiva e
comercializadora.
Desenvolvemento sustentable
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas, Ethel Vázquez expuxo as liñas de traballo postas en marcha polo o seu departamento co
obxectivo de contribuír á implantación en Galicia dun modelo de desenvolvemento
sustentable que, apuntou, para ser exitoso debe contar cun alto grao de
participación social.
Nese sentido, apostou pola colaboración entre a Xunta, as
administracións locais e os cidadáns para acertar no desenvolvemento do
transporte público, a través do Plan de transporte metropolitano; as sendas
peonís e ciclistas que está a impulsar a
Xunta; ou os plans destinados a sanear as rías galegas.
Como paradigma desa aposta pola implicación social na
definición do modelo de desenvolvemento
sostible, Ethel Vázquez, referiuse á nova Lei do Solo que proximamente a Xunta
remitirá ao Parlamento, logo dun amplo proceso de participación pública no que
se escoitou a máis de 75 axentes e se realizaron máis de 30 encontros
sectoriais.
Trátase, resaltou, dunha lei que nace con tres obxectivos fundamentais: que os concellos
conten cun planeamento de calidade nun tempo razoable, protexer a nosa paisaxe
como símbolo da nosa identidade e dinamizar o medio rural, porque "non
podemos concibir unha Galicia próspera sen un rural vivo".
Proceso de participación
A Consellería de Facenda deu inicio o pasado mes de xullo
ao proceso de participación da sociedade civil na elaboración do Plan
Estratéxico 2015-2020, co obxectivo de coñecer as prioridades dos sectores
participantes e obter así un documento final máis enriquecido polas achegas dos
axentes sociais.
Así, está operativa unha páxina web
(www.planestratexico.gal) a través da cal todos os axentes sociais poden
coñecer o proceso de elaboración do plan e a documentación base sobre o mesmo.
Deste xeito, calquera persoa ou entidade pode enviar á Xunta as súas achegas e
suxestións.
O Plan Estratéxico 2015-2020 deséñase non como un plan da
Administración, senón como un proxecto conxunto da sociedade civil, co
obxectivo primordial de que Galicia sexa un territorio con máis emprego, máis
competitividade e máis benestar. Para iso, a súa elaboración parte dun modelo
evolucionado da tripla hélice (Administración, Universidade e Empresa), ao que
se lle engade a sociedade civil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario