domingo, 1 de julio de 2012

O SLG denuncia que o decreto do canon da auga non recolle a exención a traídas veciñais nin a pozos particulares



Galicia
O SLG denuncia que o decreto do canon da auga non recolle a exención a traídas veciñais nin a pozos particulares
Xornal Pladesemapesga de la Mar y la Pesca | Miércoles, 27 Junio, 2012 - 12:26
 
 
Pola contra, o texto publicado o 22 de xuño contempla o cobro polo uso ou consumo da auga da choiva e do mar e permite cobrarlle ás explotacións agrarias, o que confirma o engano continuado do Partido Popular a quen lle pediu o voto para chegar a Xunta de Galicia...que ahora se consideran estafados..

 

O pasado venres, 22 de xuño, publicouse o Decreto 136/2012, polo que se aprobou o regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais1. Aínda que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou no seu día que “estarán exentos os titulares de pozos e traídas particulares” e “a exclusión no canon da auga para a auga con fins agrogandeiros”, unha análise polo miúdo do decreto demostra que a Xunta e o seu presidente mentiron de novo nesta cuestión.

Nas exencións e non suxeicións que contempla a norma non figuran as captacións particulares como exentas, e boa parte do resto de disposicións que establece, están encamiñadas a articular os mecanismos de cobro ás captacións particulares. Neste sentido, a disposición adicional terceira do decreto que aproba o regulamento, obriga a titulares de pozos e traídas particulares, así como de quen faga un uso directo da auga da choiva ou do mar, a que presenten, nun prazo de tres meses dende a entrada en vigor do decreto o 1 de xullo, os datos sobre as instalacións de abastecemento e o uso a que están destinadas, para declarar o seu consumo a Augas de Galicia de cara a que esta lles cobre o canon2.

Outro engano é o de non cobrarlle o canon da auga ás explotacións agrogandeiras. Cobraráselles a todas aquelas cuxa actividade sexa “contaminante” para as augas, xa que terán que pagar o canon aquelas explotacións que sexan sancionadas en materia de verteduras de augas residuais, así como as que incumpran o Código Galego de Boas Prácticas Agrarias se así o determina a Consellería do Medio Rural nun informe. Tamén pagarán aquelas que utilicen instalacións de saneamento públicas en concepto de coeficiente de vertedura.

Máis elementos que apuntan ao carácter eminentemente recadador e lucrativo do canon, en beneficio da entidade público-empresarial Augas de Galicia, son:

Cobro estimativo: o cobro do canon da auga partirá da base de que en cada fogar residen tres persoas, de maneira que haberá que demostrar o contrario onde viva menos xente e se queira pagar menos. É de prever que a falla de información sobre este particular propicie que moi poucos fogares con menos de tres membros fagan este trámite.

O 50% de desconto no canon ás familias numerosas e a exención as que estean en situación de exclusión social ou en risco de estalo, dependerá de que as familias afectadas tramiten administrativamente estes beneficios. De novo, a falla e información e a complexidade do proceso van facer que sexan moi poucas familias as que o fagan.

O establecemento deste canon obrigará a pagar a tódalas persoas de Galiza por consumir auga e obrigará, a maiores, no ámbito rural onde existen captacións propias, a facer unha autoliquidación do canon cada catro meses, o que implicará máis gastos e trámites burocráticos para as persoas que viven no campo.

O Sindicato Labrego Galego xa amosou a súa máis frontal oposición á Lei de Augas e ao canon, por entender que privatizan e mercantilizan un dereito humano, o do acceso á auga, que debe ser universal e gratuíto. Sen ir máis lonxe, o pasado sábado, 23 de xuño, o SLG presentou 400 sinaturas en Rois (A Coruña), contra o cobro de case 500 euros en concepto de canon a unha traída veciñal neste municipio que foi construída e financiada integramente pola veciñanza en 19683.

Por todo o devandito, o SLG seguirá a pedir a derrogación da Lei de Aguas de Galicia, e continuará coa súa campaña de denuncia e de recollida de sinaturas en toda Galiza e, en especial, alí onde se cobre o canon.



Nota:
1http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120622/AnuncioCA02-120612-0002_gl.html

2"Disposición adicional terceira. Declaración inicial de suxeitos pasivos con captacións propias de auga 1. Os suxeitos pasivos que no momento da entrada en vigor deste decreto usen ou consuman auga procedente de captacións propias, superficiais ou subterráneas, incluídos os consumos ou usos de augas pluviais e mariñas que efectúen directamente os usuarios, agás no caso dos usos domésticos que non dispoñan de aparellos de medida, deberán presentar no prazo de tres meses desde a súa entrada en vigor a declaración a que fai referencia o artigo 54 do Regulamento do canon de auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais."

3http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=17&i=760 / http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=17&i=816

No hay comentarios: