sábado, 14 de abril de 2012

O comité reitor de Augas de Galicia reúnese para poñer en práctica medidas ante a situación de seca na bacía Galicia – Costa

 Fonte: http://www.xunta.es

O órgano colexiado da administración hidráulica cualifica a situación hidrolóxica como de alerta

Presentouse o Sistema de Identificación e Notificación de Adversos (SINA), unha plataforma web que servirá como ferramenta de comunicación básica cos distintos axentes e administracións con competencias
Hernández sinalou que se comunicará aos concellos a conveniencia de tomar medidas como a creación de ordenanzas municipais da seca, suprimir usos non prioritarios da auga ou estudar a modificación da estrutura tarifaria
No caso de que a situación de seca se agudice, Augas de Galicia autorizará de modo extraordinario captacións temporais de auga, permisos que caducarán unha vez que se volva á normalidade

Vídeo coas declaracións de Agustín Hernández
  • Agustín Hernández na reunión do Comité Reitor de Augas de Galicia
    Autor: Xoán Crespo
  • Agustín Hernández na reunión do Comité Reitor de Augas de Galicia
    Autor: Xoán Crespo
  • Agustín Hernández na reunión do Comité Reitor de Augas de Galicia
    Autor: Xoán Crespo
Santiago, 12 de marzo de 2012.- A Xunta de Galicia aprobou hoxe no Consello Reitor de Augas de Galicia unha serie de medidas a aplicar para paliar e diminuír os posibles efectos da seca na Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, tal e como anunciou onte ante a Cámara o conselleiro Agustín Hernández. Estas medidas foron propostas na reunión do Comité Reitor de Augas de Galicia, presidida polo conselleiro de Medio Ambiente, acompañado polo director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez.
De acordo co informe da Oficina Técnica da Seca de Augas de Galicia, a situación cualificouse como de alerta hidrolóxica. Ante esta situación, o Consello Reitor acordou adoptar diversas medidas entre as que destaca o incremento da frecuencia, por parte de Meteogalicia e Augas de Galicia, da vixilancia e control dos indicadores de seca, elaborando un informe semanal sobre a evolución da seca. O Goberno galego tamén realizará un aumento no control do dominio público hidráulico pola gardería fluvial de Augas de Galicia, de cara a minimizar as captacións ilegais e usos irresponsables de auga.
Na reunión tamén se explicou que en breve habilitarase o Sistema de Identificación e Notificación de Adversos (SINA), unha plataforma web que servirá como ferramenta de comunicación básica cos distintos axentes e administracións con competencias.
Cada concello designará a unha persoa responsable con acceso á esta ferramenta a través da que se canalizará a notificación de todas cantas incidencias teñan relación coa seca, sempre recollidas polos municipios. Tamén se habilitará o acceso ao SINA aos distintos departamentos con competencias: Dirección Xeral de Emerxencias, Protección Civil ou Dirección Xeral de Conservación da Natureza co fin de notificar e ter coñecemento das distintas incidencias relacionadas cos efectos da seca hidrolóxica.
Accións locais
Agustín Hernández salientou a relevancia de informar e sensibilizar á poboación do estado de seca e a súa evolución de cara a fomentar as medidas de aforro na vida cotiá dos cidadáns. Ademais, comunicarase a todas as entidades locais da Demarcación Hidrográfica a conveniencia de adoitar as seguintes medidas:
• Adoitar as medidas de concienciación cidadá encamiñadas a potenciar o aforro de auga.
• Creación ou modificación de ordenanzas municipais de seca.
• Aforro de subministro en usos e destinos non prioritarios (rego de xardíns, baldeo de rúas, enchido de piscinas...)
• Reforzo dos controis da auga captada para o abastecemento, dende o punto de vista da cantidade e da calidade. Detección de fugas e redución de perdas na rede, así como a optimización dos procesos.
• Redución da presión nocturna en redes urbanas ou aquelas que se consideren precisas para optimizar o uso da auga.
• Estudar a modificación da estrutura tarifaria, de cara a fomentar o menor consumo.
O responsable de Medio Ambiente destacou que ante unha situación de seca resulta necesario un esforzo conxunto entre as distintas administracións, actuando tanto a nivel do recurso como a nivel da demanda (organismos xestores do abastecemento).
Autorizacións extraordinarias
En función da situación que se presente, Augas de Galicia autorizará o uso de reservas de auga estratéxicas: trasvases e transferencias, novos puntos de captación, explotación de novos acuíferos, reutilización de augas residuais ou mesmo aproveitamento de volumes de auga destinadas a usos hidroeléctricos ou de recheo de minas.
Para levar a cabo a acción citada anteriormente habilitarase un procedemento administrativo de urxencia para autorizar derivacións temporais de auga, nos puntos que en cada caso se consideren máis oportunos en función de cada situación. Cómpre ter en conta o uso a que vai destinado auga, o caudal ou volume máximo que se autoriza a detraer así como os condicionantes básicos técnicos do procedemento de captación.
Estas autorizacións outorgaranse en precario, e terán vixencia unicamente durante o episodio de seca, de forma que no momento que se declare a situación de normalidade, estes permisos expirarán. O sistema de solicitude das autorizacións será a través do SINA e a notificación das autorizacións farase electronicamente.
Finalmente, indicouse que no caso necesario, establecerase limitación dos usos e detraccións do recurso desde o Organismo de Conca, limitándose os caudais concedidos de xeito temporal mentres dure o episodio de seca, comezando por aqueles usos menos prioritarios, e nos que a redución do caudal concedido máximo produza menores repercusións ou efectos negativos.

No hay comentarios: