jueves, 9 de diciembre de 2010

Medio Rural coordina co sector productor as actuacións de control e erradicación do nematodo do piñeiro


Fonte: Conselleria Medio Rural

  • A Consellería ven de reunirse con representantes da Mesa da Madeira para coordinar e dar conta das actuacións destinadas a erradicar esta praga    
  • O sector mostrou o seu apoio e colaboración para traballar de xeito conxunto coa Administración Autonómica

Santiago, 30/11/2010 A Consellería do Medio Rural ven de reunirse esta mañá con representantes da Mesa da Madeira co fin de dar conta das actuacións que se están realizando dende a Xunta para o control e erradicación da praga do nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) detectada no concello pontevedrés de As Neves.
A praga foi posta en coñecemento do sector que mostrou o seu apoio e colaboración para o tratamento da mesma. Dende a Consellería do Medio Rural estanse a desenvolver diversas medidas como a detección e declaración oficial do foco coa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia (o pasado 19 de novembro), a tala e queima das árbores en torno ao foco e a identificación catastral das parcelas nun radio de 1500 metros.
Na mesa, presidida polo director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e a que tamén asistiu o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, e a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, tamén se deu conta do inicio das visitas aos aserradeiros para control das existencias e a resolución do secretario xeral de Medio Rural, Jorge Atán Castro, instando á autoridade sanitaria a tomar todas as medidas necesarias.
Os representantes da Mesa da Madeira asistentes -Monte Industria, Cluster Madeira, Fearmaga, Asefoga, Organización Galega de C.M.V.M.C, Afrifoga, Silvanus, Asociación Forestal de Galicia, Serfoga, Asemfo-Galicia, Cis-Madeira, Frouma e Promagal/Promafe-, mostraron a súa conformidade e plena disposición para traballar conxuntamente na erradicación desta praga.
Polo momento a praga só afectou a un piñeiro, que xa foi talado. A madeira da zona está suxeita a limitación de movemento, de forma que só poida saír da zona con garantías de que se teña inactivado o nematodo mediante o tratamento térmico adecuado existente nalgunhas industrias da madeira.
Autoridade Sanitaria
Medio Rural tamén se reuniu onte, luns 29 de novembro, coa Autoridade Sanitaria Nacional, ente dependente do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, para informarlles do plan de actuación e garantir a súa aprobación. Facilitando deste xeito a xestión dun expediente de solidariedade tendente á financiación das actuacións, na que debe participar Madrid e Bruxelas.
A presenza do nematodo do piñeiro nunca ata o de agora se detectara en Galicia, pero xa dende hai mais de dez anos (dende que fora detectado en Portugal, en 1999) se realizan, por parte da Xunta, mostraxes anuais nas masas forestais de especies de Pinus spp, para comprobar o seu estado fitosanitario respecto á presenza deste axente.

Fonte: Conselleria Medio Rural

No hay comentarios: