miércoles, 3 de noviembre de 2010

Xunta de Galicia: Nova Lei de Augas

Nota de Prensa do 23 de outubro de 2010

Galicia contará a partir do martes cunha nova Lei de augas que fomentará o uso responsable e posibilitará mellorar o saneamento e abastecemento dos concellos

O conselleiro de Medio Ambiente subliña que o texto que se aprobará na Cámara establecerá que as comunidades de usuarios con captacións propias e traídas veciñais se beneficiarán dunha dedución dun 80% da cota do canon que se aplicará a todos os usuarios domésticos
Lamenta que existan alcaldes, concellos e partidos que por unha banda denuncian determinadas situacións precarias en materia e esixen investimentos da Xunta, e por outro lado, critican e poñen trabas aos mecanismos promovidos pola Administración para abordar estas necesidades
Argumenta que nos 34 concellos nos que se aprobaron mocións contra a Lei de Auga, a través dos seus plenos municipais, a Xunta de Galicia destina unha inversión de preto de 200 millóns de euros para a execución de obras hidráulicas
A Estrada (Pontevedra), 23 de outubro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou esta mañá que o vindeiro martes 26 de outubro a Lei de Augas será sometida para aprobación no pleno do Parlamento galego, ao que engadiu o seu desexo de que este documento conte co apoio de todas as forzas políticas. Trátase dun proxecto que implicará unha notable mellora no uso racional da auga e que posibilitará mellora o saneamento e abastecemento dos concellos, ao tempo que se impulsarán políticas contra o desperdicio e a contaminación, porque quen o faga pagará a sanción correspondente en función do dano, asegurou Hernández.
O representante da Xunta fixo estas declaracións esta mañá durante unha visita ás obras de abastecemento no Concello da Estrada, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
O conselleiro afirmou que a futura Lei de Augas incluirá varias emendas realizadas polo Partido Popular, entre elas que as comunidades de usuarios con captacións propias e traídas veciñais beneficiaranse dunha dedución dun 80% da cota do canon que se aplicará a todos os usuarios domésticos, con independencia de que estean conectados a unha rede de saneamento. Sinalou que é de rigor recoñecer o esforzo realizado a estas persoas por autoxestionarse.
Outra das emendas está relacionada co feito de que o medio rural seguirá contando cun tratamento específico con respecto ao canon da auga, polo que quedan totalmente exentos do canon os usos gandeiros, agrícolas e forestais. Neste senso, as comunidades de usuarios ou traídas veciñais que teñan concesión de auga para estes usos non deberán pagar nada polos consumos.
O conselleiro indicou que todo o recadado polo canon da auga terá un carácter finalista e polo tanto será investido na súa integridade en obras e saneamento e abastecemento aos concellos de Galicia. Lamentou que existan alcaldes, concellos e partidos que por unha banda denuncian determinadas situacións precarias en materia de abastecemento ou saneamento nos seus concellos, esixindo investimentos da Xunta de Galicia e, ao mesmo tempo, critican e poñen trabas aos mecanismos que permiten a Administración autonómica abordar estas necesidades.
Hernández destacou que nos 34 concellos nos que se aprobaron mocións contra a Lei de Auga, a través dos seus plenos municipais, a Xunta de Galicia destina preto de 200 millóns de euros para a execución de proxectos de saneamento e abastecemento e, concretou que destes municipios todos agás un están gobernados polo PSdeG-PSOE e BNG.
Sinalou que se trata dunha actitude insolidaria e irresponsable, xa que a Lei de Augas e o novo canon da auga van a repercutir de xeito directo e positivo na mellora dos servizos hidráulicos en moitos concellos, ademais de fomentar o consumo racional da auga por parte dos cidadáns.
Hernández destacou que a lei de augas establece mecanismos para que un 30% da poboación pague menos polo novo canon da auga que o que pagan nestes momentos. Tamén sinalou que o canon da auga en Galicia seguirá sendo dos máis baratos de España.
Outro dos fitos deste proxecto de lei é a fusión de Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, feito que permitirá unha maior coordinación de unha mesma administración hidráulica e evitará a duplicidade de departamentos, permitindo aproveitar sinerxias. Tamén destacou que con esta decisión de poderán aforrar custes e facilitarse a xestión aos cidadáns ao dispoñer dun só organismo regulador.
Fonte: http://www.xunta.es

No hay comentarios: