martes, 19 de octubre de 2010

O PARLAMENTO APROBA O DITAME DA LEI DE AUGAS DE GALICIA INCORPORANDO 40 EMENDAS E 22 APROBADAS POR UNANIMIDADE DE TODOS OS GRUPOS

• A Comisión de Ordenación Territorial aprobou a redacción definitiva do ditame do Proxecto de Lei que incorpora 9 emendas do BNG, 10 do PPdeG e 3 do PSdG-PSOE aprobadas por unanimidade, e outras 18 do PPdeG, que contribúen “a mellora do Proxecto da  Xunta no seu trámite de ponencia e comisión” segundo o voceiro popular
• Para Daniel Varela  “con esta lei cumprimos coa normativa da UE, teremos  unha administración con menos organismos e maior eficacia e  contribuirá a ter auga de calidade en todos os fogares e nos nosos acuíferos, ríos e rías mediante a contribución de todos segundo  o consumo realizado e a contaminación que produzamos”
                
Santiago de Compostela, 18 de outubro  de 2010.-  A Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas , Medio Ambiente e Servizos aprobou na sesión de hoxe o ditame do Proxecto de lei de Augas de Galicia incorporando en total 40 emendas, das que 22 se aprobaron por unanimidade de todos os grupos parlamentarios. Deste xeito foron aprobadas por consenso  9 do BNG, 10 do PPdeG e 3 do PSdG-PSOE así como outras 18 do Grupo Popular e que contribuíron a mellora do proxecto no seu trámite de ponencia e comisión. Segundo o voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular e poñente da lei,  Daniel Varela,  “se reforzan os principios e obxectivos medioambientais do proxecto de lei así como as bonificacións fiscais para as traídas veciñais e os pozos”.
Para Daniel Varela o obxectivo desta lei é cumprir coa directiva marco da auga da Unión Europea “para concienciar á poboación do fomento do aforro da auga e do consumo responsable, evitando o seu depilfarro e conseguindo que todos contribúan a unha mellora do medio ambiente e a  unha auga de calidade mediante un canon, que de acordo  coa directiva, permita a recuperación dos custes, non só dos servizos senón tamén dos ambientais, e que substituirá ao actual canon de saneamento”.

O voceiro popular tamén resaltou que o Proxecto de Lei reorganiza nun solo organismo a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) e o ente Augas de Galicia “que se refunden nun só organismo para lograr mais eficacia e eficiencia administrativa dentro dos obxectivos do PPdeG de contención do gasto público”. Así mesmo a Lei inclúe tamén os obxectivos para o saneamento integral das rías galegas no horizonte da Directiva que é o 2015.
Segundo o voceiro popular a tarificación da auga será por tramos de consumo e de acordo co número de persoas que habiten cada vivenda, quedando o primeiro tramo de consumo mínimo exento “e pagando mais, por tanto, quen consume mais e introducindo  as tarifas sociais como o  50% de bonificación para as familias numerosas e o 80% de bonificación para as traídas veciñais e para os usuarios e pozos privados, independentemente de que teñan ou non rede pública de subministro e saneamento.
Para Daniel Varela  “con esta lei cumprimos coa normativa da UE, teremos  unha administración con menos organismos e maior eficacia e  contribuirá a ter auga de calidade en todos os fogares e nos nosos acuíferos, ríos e rías mediante a contribución de todos segundo  o consumo realizado e a contaminación que produzamos”

 Fonte: Parlamento de Galicia

No hay comentarios: